O Concello de Crecente recibe 34.683,09 euros da Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Benestar Social, para reforzar os servizos sociais municipais durante o ano 2026.
As achegas enmárcanse en dúas liñas de cooperación destinadas aos concellos de menos de 20.000 habitantes e permitirán, por unha banda, reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e, pola outra, atender situacións de necesidade urxente de persoas e familias do municipio.
SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
A Deputación de Pontevedra concede ao Concello de Crecente 22.383,09 euros ao abeiro do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais 2026, destinados ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico.
Esta achega contribúe ao mantemento dun dos servizos municipais máis importantes para favorecer que as persoas que precisan apoio poidan continuar vivindo no seu fogar e na súa contorna, recibindo atención para as necesidades da vida diaria.
O SAF constitúe, ademais, unha ferramenta esencial para apoiar as familias, favorecer a autonomía persoal e proporcionar atención de proximidade, especialmente nun concello cunha poboación dispersa como Crecente.
AXUDAS BÁSICAS DE EMERXENCIA
A segunda das subvencións concedidas corresponde ao programa de Axudas Básicas de Emerxencia nos Servizos Sociais Comunitarios Municipais 2026, cun importe total de 12.300 euros. Deles, 8.000 euros destínanse a gasto corrente e 4.300 euros a investimento.
Estas axudas teñen como finalidade atender, de maneira excepcional e extraordinaria, situacións de necesidade urxente e puntual das veciñas e veciños que se atopen en situación ou risco de exclusión social, prestando unha especial atención ás persoas que teñan menores ao seu cargo.
Son recursos pensados precisamente para aqueles momentos nos que unha dificultade económica ou persoal require unha resposta rápida desde os servizos sociais municipais, permitindo actuar ante necesidades básicas e situacións de especial vulnerabilidade.
Coidar, acompañar e protexer
As dúas subvencións suman unha achega provincial de 34.683,09 euros para as políticas sociais do Concello de Crecente en 2026.
Uns recursos que permiten traballar en dúas direccións complementarias: manter unha atención continuada e próxima a través do Servizo de Axuda no Fogar e dispoñer de capacidade de resposta ante situacións sociais urxentes.
Porque uns servizos sociais próximos tamén significan iso: acompañar no día a día e estar presentes cando máis se necesita.