O Concello de Crecente continúa avanzando na mellora dos servizos públicos, das infraestruturas municipais e das oportunidades de emprego grazas á cooperación económica da
Deputación de Pontevedra, a través do
Plan +Provincia 2026-2027.
Este programa provincial permite aos concellos destinar os recursos a diferentes ámbitos de actuación. No caso de Crecente, o financiamento distribúese fundamentalmente en tres grandes liñas:
investimentos, gasto corrente e activación do emprego, permitindo actuar tanto nas necesidades do día a día como nos proxectos que transformarán o municipio nos próximos anos.
LIÑA 1 | INVESTIMENTOS. Máis de 700.000 € para seguir transformando Crecente
A Liña 1 do Plan +Provincia está destinada ao financiamento de investimentos municipais e tamén permite sufragar as achegas que lle corresponden ao Concello en actuacións cofinanciadas por outros plans, programas ou convenios.
Para Crecente, a Deputación de Pontevedra asignou 356.159,57 € na anualidade 2026 e outros 356.159,57 € na anualidade 2027, o que supón unha capacidade de financiamento de 712.319,14 € en investimentos durante o bienio 2026-2027.
Parte destes recursos destínanse a financiar a achega municipal necesaria para facer realidade importantes actuacións no noso territorio, multiplicando así a capacidade de investimento do Concello, como é caso da Humanización e mellora de infraestruturas en Sendelle, ou do núcleo de Pazo, e a mellora de acceso ao Perdigón, a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público de Cancelo, Cañoto, Cotado, Padrosos e Penagrande, a instalación de céspede artificial no Campo de Fútbol Municipal de Crecente, a recuperación do espazo público singular na parroquia de Quintela ou o saneamento e depuración en Rebordechán,
En conxunto, estas actuacións permiten sumar recursos de distintas administracións e multiplicar cada euro municipal, facendo posibles proxectos que melloran os núcleos rurais, as comunicacións, o saneamento, a eficiencia enerxética, os espazos públicos e as instalacións deportivas.
LIÑA 2 | GASTO CORRENTE. 42.891,28 € para manter e mellorar os servizos municipais
Non todo son grandes obras. Un concello tamén necesita recursos para garantir cada día o funcionamento dos servizos que presta á veciñanza.
A Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello de Crecente
42.891,28 € ao abeiro da Liña 2 do Plan +Provincia 2026-2027, destinados ao
pagamento de de gasto corrente. A actuación conta cun orzamento de 45.511,01 €.
A Deputación acordou, ademais, o
anticipo da totalidade dos 42.891,28 € concedidos, facilitando así liquidez municipal para facer fronte a estes gastos.
Esta liña é menos visible que unha obra, pero igualmente importante:
permite manter os servizos municipais, atender obrigas e liberar recursos propios para continuar investindo nas necesidades de Crecente.
LIÑA 3 | ACTIVACIÓN DO EMPREGO.- 97.028,55 € e 7 oportunidades de emprego
O Plan +Provincia tamén significa
emprego e oportunidades para as persoas.
A Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello de Crecente unha subvención de
97.028,55 € para a contratación de
7 persoas desempregadas, destinadas á conservación e funcionamento de bens e servizos municipais de interese xeral e social. Deste xeito conseguimos un dobre obxectivo:
ofrecer oportunidades laborais a persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, reforzar os servizos municipais que recibe a veciñanza.
Cooperación que se converte en servizos, obras e oportunidades
O Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra é unha ferramenta fundamental de cooperación cos concellos, especialmente cos municipios de menor tamaño, permitindo financiar investimentos e manter servizos públicos de calidade.
En Crecente, estes recursos tradúcense en algo moi concreto:
mellores infraestruturas, núcleos máis coidados, servizos municipais reforzados e novas oportunidades de emprego.
Porque detrás de cada subvención hai algo máis importante que unha cifra:
hai actuacións que melloran Crecente e a vida das persoas que viven nel.