Concello de Crecente

Patrimonio

Torre de Fornelos
Lameiro nº 16 - 36420 Crecente (Pontevedra)
Época: Idade Media
Estado conservación: Ruinas
Titularidade: Privada
Construción erixida na Idade Media, da cal, a primeira referencia documental que posuímos data do ano 1158 (século XII). Emprazada na marxe dereita do Río Ribadil, consérvase soamente a torre da homenaxe e restos da muralla e construcións anexas.

Esta torre da homenaxe é de base cadrada, ao igual que o resto da fortaleza que contaba cunha serie de dependencias, un foso, unha muralla exterior e unha ponte levadiza situada á altura da porta con arco de medio punto situada no primeiro piso. Posuía a torre tres pisos e soto, presentando unha altura de 19 metros sobre o chan na parte oriental e 11 metros na occidental onde se situaba o patio de armas. Os seus muros de cadeirado de granito presentan un grosor de dous metros.

Actualmente, a torre encóntrase en estado ruinoso, ao que contribuíu non só o paso o tempo, senón tamén a acción humana, xa que nos anos 40 sufriu a demolición dos muros do que debeu ser a zona residencial, aproveitándose as devanditas pedras para outras edificacións.

A importancia histórica da fortaleza de Fornelos queda reflectida no seu frecuente nomeamento nas loitas entre Alfonso VII (rei de Galicia) e o seu primo Alfonso Enríquez (rei de Portugal) que deron lugar á independencia de Portugal.

Sancho I de Portugal doara este lugar aos fundadores da Casa de Fornelos, Dona Aldonza Vázquez de Fornelos e Fernán Pérez de Castro que pasaron a ser donos da fortaleza. Foi na segunda metade do século XV, cando as revoltas Irmandiñas esnaquizaron o castelo de Fornelos, que tempo despois reconstruiría Pedro Madruga, quen mantivo preso ao bispo de Tui, Don Diego de Muros, no alxibe de Fornelos durante quince días, sendo causa de posteriores litixios entre o bispo e Pedro Madruga.

Esta inimizade quedará reflectida no coñecido como "cerco de Fornelos" de 1482, que consistiu nun ataque protagonizado pola alianza do bispo de Tui, Diego de Muros, con García Sarmiento, Lope de Montenegro (alcalde maior de Pontevedra) xunto a Francisco Aballe e Lope de Aballe, tío e sobriño resultarían mortos no infrutuoso asedio.

É destacable, na historia de Fornelos, que tras a declaración de paz entre os Reis Católicos e a Coroa Portuguesa, o 27 de setembro de 1479, houbo unha restitución xeral de propiedades e o gobernador, Fernando Acuña, concertou con todos os señores o derrubamento das fortalezas novas, deixando a de Fornelos e Salvaterra.

En canto ás liñaxes que habitaron esta fortaleza, hai que ter presente que os señores de Fornelos emparentaron cos señores de Sotomayor no século XIV, cando Don Pedro Paéz de Sotomayor casa con dona Inés Anes de Castro, señora de Fornelos. Entre os personaxes históricos que se relacionan coa fortaleza están Martín Sánchez, fillo bastardo de Sancho I de Portugal; Juan de Castro, bispo de Tui e Álvaro Pérez de Sotomayor.
 

Localización:

Acceso á Sede Electrónica

Acceso ao Perfil do Contratante

Direccións e teléfonos de Interese

Acceso ao Buzón Cidadán

Información sobre Transparencia

Solicitude de Alumeado Público

Xunta de Galicia
Deputación de Pontevedra
BOE
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra
DOG
Sede Electrónica Castastro
ORAL - Xestión Tributaria e Catastral
Portal de Transparencia
Concello de Crecente
  • Rúa Solís Ruiz, 5 - 36420 Crecente (Pontevedra)
  • Teléfono: (+34) 986 666 300
  • Email: info@crecente.es

Horario

  • De luns a vernes de 9:00 a 14:30

Parroquias

  • Albeos, Ameixeira, Angudes, Crecente, Filgueira, O Freixo, Quintela, Rebordechán, Ribeira, Sendelle e Vilar.

© 2020 Concello de Crecente - Todos os dereitos reservados // Deseño maquetación e programación web a medida Grupo5.com

Na nosa web utilízanse cookies propias e de terceiros con finalidade analítica e de márketing. Para continuar navegando é necesario aceptar a política de cookies.
Política de Cookies Aceptar